Na terceira parte do artigo que don Aureliano Pardo Villar publicou no número 133 de Nos (boletín mensual da cultura galega) en xaneiro de 1935 ocupouse dos “artistas de sona” de Arzúa. A saber:
- Andrés Vázquez, o Carragoto, construtor de gaitas
- Fernando Lamas Barreiro, ou Fernán da Barreira, carpinteiro
- Xosé Taboada Vázquez, reloxeiro de Preguntoño
- Fernando Carril Salgueiro, armeiro de Viladavil
- Xesús García Conde
- Xesús Bendaña, caricaturista
- Xosé María Sánchez, músico
Este é o texto dese apartado:
Emporiso, inda que se non atopen na vila industrias nen obradoiros que ofrezan intrés, non imos a supôr que seña por falla de homes agudos e ben asisados pra calquer estudo ou pra calquera empresa; nin que se non den nela artistas isolados moi xeitosos. Lémbrome ben do señor Andrés Vásques, mais coñecido pol-o alcume de Carragoto que lle viña do nome da aldea da sua nacencia na freiguesía de Cardeiro, un carpinteiriño miudo do corpo dos meus tempos mozos, que posto a tornear facía milagres no buxo. Ora facía pezas pra os crarinetes, ora gaitas galegas tan feituquiñas que daba xenio velas e inda máis ouvirllas tocar, pois repinicaba no punteiro que semellaba un feitizo. A sona do gaiteiro arzuao, despois de conquerir a nosa terra, avantou monte adentro das Asturias, onde se crian osos moi feros e unha casta de homes argalleiros e fachendosos tal que non hai outra non mundo. O que chegei a esa terra brava e tristeira (xa vai desto moit tempo) contoume un meu compañeiro asturián da Pola de Somieu, que nas romaxes de aquela toleirona mocedada soaban docemente as gaitas feitas na vila de Arzúa. Eras as gaitas grilleiras saídas das mans enfeitizadas do señor Andrés Carragoto, que tamén fixo moitas pras Américas. E, que trompos de buxo tan repinicados torneaban ele e o seu fillo Xesús pra os rapaces, cando viña o tempo de xogarmos âs quilladas! O Xesús, que herdou o arte e mail-a sona do pai, inda que a sua especialidade e costruir carrozas de automóveles, fai tamén gaitas moi feitiñas pra Galicia, Asturias e América, e ten carrego de fornecere delas ô meirande armacén de istrumentos musicaes da Cruña. Nunha longa conversa que tiven co-ele no seu obradoiro, amostroume duas que tiña feitas (a prezo de oito pesos, cumpridas de todal-as pezas de madeira de buxo) e díxome que fai tres crás de gaitas, e sí bemol pra tocaren senlleiras, en dó pra armonizaren con frautas e crarinetes e grilleiras que son máis pequenas i-escrusivas cuasemente do país asturián.
Outro carpinteiro había daquela na vila que tiña man de santo pra labrare os retablos: era o señor Fernán da Barreira, a quen meu pai por vegadas deprendíalle leiciós de dibuxo o que andaba a traballar nunha obra da nosa cosa, por mor de que il poideira millor se aproveitar da sua abelencia. Vinlle facer dous retabros greco-románs moi feitiños pra Eirexa de Maroxo, â imitanza do da capela do Pazo dos meus tios de Vilar de Ferreiros, onde lle fixen compaña namentras el andaba as voltas coas medidas e trazaba nun papeliño a pranta do retabro; e despois labrou outros dous da mesma feituras pra eirexa de Pantiñobre.
Do mesmo xeito, fago arastora lembranza do reloxeiro D. Xosé Taboada Santos que pousaba na aldea de Preguntoño, preto da vila de Arzúa, i escomenzou facendo pola sua man o torno e máis ferramentas do oficio, e do de armeiro que tamén lle levaba idea. Taboada de Preguntoño (home abastado qu’endexamais deixou de vestir o traxe típico do país) traballaba con moito arte, e pódese ollar ainda no obradoiro que ten na vila o seu fillo D. Xosé María, un relós grande de pesas e campaiña con todal-as pezas feitas por ele, e unha esfera moi orixinal de nogueira a xeito da celeste, con baixo-releves do sol, a lua e as estrelas. Traballou, endemais, na construción do relos púbrico do axuntamento de Arzúa. O seu devandito fillo, moi amante da cultura, a máis de traballare de reloxeiro, fai aparellos de telégrafos Morse tan ben rematados que semellan da fábrica, e outras cousas boniteiras que amostran ben as dotes de intelixencia e de arte que lle veñen por herdo paterno.
Non lonxe da vila, na freiguesía de Villadavil, moraba daquela un armeiro de moita sona nomeado Fernán Carril Salgueiros, que foi o que fixo peza por peza o relós público do axuntamento de Arzúa, e denantes refixera o da vila de Melide, cobrando pol-a máquina do primeiro once mil reás na data de 1866, sin facer conta coa torre de ferro que foi construida en Compostela por Cerqueiro, e a campana de trinta arrobas fundida en Orazo, que fixeron subir o custo de todo a trinta mil reás. O mestre armeiro facia escopetas de tan boa calidade, que os cazadores do páis tiñan-as en máis estima que as da fábrica pol-o seu promeo e alcanzo.
Xenio de artista, e de moi gran artista, tiña tamén o arzuao D. Xesús García Conde, que fai pouco tempo baixou a Coba, malogrado pol-as riquezas e a política que o perderon.
Otro arzuao que promete moito, pois e un rapaciño novo, é o caricatureiro Xesús Bendaña, que de algún tempo ben traballando arreo no Ideal Gallego.
Artista esquisito e cumprido na cátnida e no teclado, profesor e crítico musical coma non vin outro, é o P. Xosé María Sánchez, compañeiro meu d’escola e frade da mesma Orde, do qué mal, acoradiño decote pol-a doenza que malogra os froitos do seu agudo inxenio e da sua amplia cultura musical.