A orixe do nome de Arzúa nunha publicación da Real Academia Galega

No libro titulado “Os nomes dos concellos da provincia da Coruña” con ISBN 9788417807092, publicado pola Real Academia Galega (Seminario de Onomástica) en 2021 co patrocinio da Deputación da Coruña, trátase do topónimo “Arzúa”. O redactor do libro é Gonzalo Navaza.

Reproducimos o que se di sobre o nome “Arzúa” na páxina 16..

O termo municipal, creado en 1836, reuniu parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Arzúa, Bendaña, Abeancos, Boente, Melide, Oíns, Dombodán, Mesía e O Xiro da Rocha, todas elas da provincia de Santiago. Recibiu o seu nome do de Arzúa, capital municipal e unha das dezasete vilas da antiga provincia de Santiago.

A vila de Arzúa é un dos núcleos urbanos desenvoltos a partir do século XI á beira do Camiño de Santiago. Nos rexistros máis antigos que se coñecen, do século XII, a poboación aparece denominada Vilanova (Villam novam), coma no Libro V (“Guía de Peregrinos”) do Códice Calixtino, onde é escenario dun milagre. Co nome actual só se documenta desde o século XIII: Aprilis Iohannis de Arzua, ano 1245; Petrus Didaci de Arçua, 1283…

Arzúa é un topónimo de orixe e significado descoñecidos. A maior parte dos autores que se ocuparon del suponlle orixe prerromana, o que significa que o lugar xa se chamaría así cando se instituíu o nome de Villam Novam que aparece nos primeiros rexistros medievais. Algúns explícano como hidrónimo emparentado co nome do río ourensán Arzoá, pero pola vila non pasa hoxe ningunha corrente fluvial significativa que puidese motivar o topónimo, aínda que un dos lugares da parroquia de Arzúa (Santiago) é O Río Vello.

Tamén se ten suxerido unha orixe igualmente prerromana pero de significado oronímico, relacionada co substantivo común artesa e o nome de Arteixo. Á hipótese que o relaciona co latín argia ‘mato’ e co substantivo común arxe (‘toxo miúdo’, ‘maleza que se queima’) a partir dun derivado diminutivo *argiŏla obxectáronselle dificultades fonéticas, pois o esperable nese caso sería Arxoa e non Arzúa.

| Enlace ao libro completo en formato dixital “Os nomes dos Concellos da provincia da Coruña