O 15 de xaneiro do 1935 publicouse o número 133 da revista Nos (Boletín mensual da cultura galega), e dentro del o artigo do freire arzuán Aureliano Pardo Villar “Notas en col da vila de Arzúa”. A continuación reproducimos a segunda das suas oito partes, que leva por tíulo “Cultura. Política. Traballo. Cidadanía.”
Noutrora, cando eu andaba a estudar na escola púbrica de D. Xoan Varela Ponte, a quen Deus perdoe, pousaba na vila outro mestre filántropo, que deprendía gratis et amore o latín e as humanidades a cantos rapaces querían adicárese ao estudo dunha carreira; era o boticario D. Andrés Nuñes Casal, home agudo e ben sabido qu’estudara duas carreiras, e chamáballe máis o ensino que a mistura de xaropes pra compòr as meiciñas; despois encarregouse desta cras d’ensino meu irmán maor Eduardo, estudante abofé espilido e de moita sabencia, que adeprendera unha carreira coa millore notas e unha beca a mérito, e andaba a findar outra de camiño que nos ensinaba a un fato d’estudantes as asiaturas de todol-os cursos do Instituo, da Normal, ou dos catro primeiros do Seminario, qu’ele tiña ben sabidas. Após, un creguiño moi bó que se chamaba D. Agostiño Pardo Fandiño, deprendía de valde aos estudantes do latín. Agora, deo qu’é mal, non hai máis centros d’ensino que as catro escolas dos nenos; e se algús rapaces queren adeprendere o que lles compre pra seguiren dispois unha carreira, teñen de se arranxar cun dos escolantes, pra que lles esprique as liciós que millor acán a sua tención.
Por outra banda, se non ven alí sociedades de cultura, ou de adivertimento, nen industrias merescentes diste nome, nin grandes obradoiros co moita xente a traballar; e por ende, tampouco hai xuntanzas de obreiros pra perderen o tempo e mail-os cartos en folgas e revoltas que lles non trán ren de proveito, e nas que à conta de moitos parviños medran máis de cantro lampantís.
A vida do pobo decorre mainamente antre a laboura adoitada dos agros, a cura do gado, o traballar dos oficios, o remexere das tendas, o trafego e mail-os choios das feiras que renden pan e mantenzan pra moitos dos veciños, o bulir dos axentes da curia pra engaiolar aos preiteantes e lles zugar os cartiños, o latricar e o matinar dos persoeiros, e dos logreiros, de todol-os bandos políticos pra termar dunha política maniña e noxenta, que no decorrer de máis de cincoenta longos anos mantivo a iste malfadado pobo mergullado no atraso e na incultura, sen lle precurar endexamais milloras de valimento, nin sequer ten azos pra facere unha légoa inda non ven cumprida de camiño real que moito de falla se vota dende Brandeso a Ponte Sanxusto, pra pòr a vila en comunicazón direita coas das Cruces, Lalín, o Carballiño, e mail-a cidade d’Ourense, e a bisbarra do Ribeiro; unha política, que vai pra cinco ou seis anos que ten parado o relós do pobo por falla dunha presa de cartos pra poñelo e andar, e que olla, bacaceira, como o edifizo do axuntamento vaise convertindo paseniñamente nun muiño vello, con vidros e vidreiras feitos cachizas, e cunha cara luxada e negra como un chamizo.
Os malpocados dos arzuaos, do mesmo xeito que os máis dos vilegos da nosa terra, son manseliños e atúrano todo cuha pacencia que somella abofé coa dos bois xunguidos a turrar do arado, e non teñen folgos pra se arriscaren a desbotar de un poulo o andacio do caciquismo, mal xeral i-endémico que apouviga i escraviza aos pobos incultos, e chegaron asomade a sere persoas gobernándose de seu e honradamente, cal compre a un pobo ceibe e conscente da dua dinidade. Non rexurde, endema, por ningures o guieiro axeitado da loita, que avencellando a todol-os homes, esgrevios da vila nun cinguido feixe, poida soerguela i-espertala do sono en que xaz esmorecida, esporeando a milloranza dos cultivos da terra i-a escolma das castas do gado e das árbores froitales, facendo sementeiras e prantios de arboredo nos anacos de monte baldío, e arrequentando o desenrolo técnico das industrias queixeiras e manteigueiras, que poideran moi ben enchere de cartos as uchas labregas da bisbarra arzuá se os donos delas teimaran de se axeitas aos novos procedementos de fabricazón, según o veñen facendo os labregos doutras terras de alén con tan benditoso éisito, que abofellas é pra meter a xente en cobiza e bezala a poñer axiña as mans no choio.