Na colección “As comarcas de Galiza, patrimonio natural” a editorial A Nosa Terra publicou en 2009 un volume adicado a Arzúa e firmado polo “Equipo Xea”. Recollemos aquí o que dí ese libro con ISBN 9788483414002 no apartado “Os Ríos”.
A comarca está repartida nas concas fluviais do Tambre, ao norte, e do Ulla, ao sur.
O Ulla é o río con máis percorrido e coa conca máis grande. Fai de linde polo sur coa provincia de Pontevedra cun trazado E-O e recibe numerosos afluentes que discorren de norte a sur.
O Tambre fai de linde polo norte, cun trazado NE-SO e recibe varios afluentes de curto percorrido que circulan de leste a oeste.
En xeral os vales dos ríos son abertos e de perfís suaves agás o último tramo do Tambre que se encaixa despois do encoro de Portodemouros e recibe varios afluentes con fortes desniveis onde abondan os rápidos, as pozas e as fervenzas.
No contorno dos ríos consérvanse excelentes bosques de ribeira cunha gran biodiversidade e espazos acondicionados como áreas recreativas ou para facer rutas de sendeirismo. Tamén hai varios coutos de pesca e numerosos muiños.
Os ríos Tambre e Ulla e varios dos seus afluentes están protexidos nos LICs “Río Tambre” e “Sistema fluvial Ulla-Deza”.
Río Tambre
Despois de nacer na Serra do Bocelo o Tambre discorre lentamente no seu curso alto para encaixarse literalmente no seu curso medio e ir fondamente encaixado no tramo final do seu percorrido. Desemboca en Ponte Nafonso, na Ría de Noia, despois de 124,5 km.Presenta augas altas de decembro a marzo e estiaxe en agosto.
Nesta comarca recolle augas dos concellos de Boimorto, Arzúa e O Pino.
Recibe pola esquerda o Pequeno, Noa e Mera.
O Tambre é un dos poucos ríos galegos onde se atopa a Macromia Splendens, un cabalo do demo en perigo de extinción en toda Europa.
Está protexido no LIC “Río Tambre”.
Río Mera
Nace nos lindes entre Boimorto e Arzúa, percorre terreos de Arzúa, e O Pino e xúntase ao Tambre na parroquia do Pino. Parte do su curso está protexido no LIC Río Tambre.Río Ulla
Nace no monte Picouzo, entre as parroquias de Ansar (Taboada) Viloide e Os Ferreiros (Monterroso) e Olveda (Antas de Ulla) e forman as súas cabeceiras o Sucastro, Ribeira e Ermida.Percorre varias comarcas, ás que lle dá nome; a Ulloa, a Ulla e o Ullán e desemboca na ría de Arousa, entre Padrón e Pontecesures, despois de 132 k de percorrido. Recibe pola dereita o Boente, Iso (co Brandeso), Lañas e Brandelos.
Na comarca drena, cunto cos seus afluentes, os concellos de Arzúa, O Pino e Touro.
Está encorado en Portodemouros e unha pequena parte forma parte do LIC “Sistema Fluvial Ulla-Deza”.
Río Iso
Nace na aba oeste dos montes do Bocelo e Boimorto, percorre o concello de Arzúa de norte a sur e xúntase ao Ulla no encoro de Portodemouros. Os principais afluentes son o Rigueiro, Rendal, Ribeiral e Boente, pola dereita, e Fondo e Brandeso pola esquerda.