A guía que publicou Everest no ano 1987 “Arzúa no camiño de Santiago”, adica un breve comentario a cada unha das parroquias do concello. Hoxe reproducimos o que dí sobre Calvos de Sobrecamiño (páxina 88):
O seu nome de “Sobrecamiño” é unha clara alusión ó Camiño de Santiago, na beira do cal está situada esta parroquia, a poucos quilometros de Arzúa. Os seus lugares máis importantes son os de Calvos, Codeseira, Fontesagrada, Igrexa, Mañas, Muiños, Orxal, Pena, Sebio, Sesar, Soutullo, Torre, Tras do Río e Xibeirós.
A igrexa parroquial, do século XVIII representa unha interesante arquitectura, na que se combinan elementos de cantería de granito e cachotería de pedra pizarrosa, habilmente moldurada. Na fachada principal unha porta con orellas, fornelo con vieira e remate da espadana de granito con pináculos.
Do seu retablo maior queda a imaxe da Asunción, de grande interese. Nas capelas laterais hai dous importantes e fermosos retablos, de estilo rococó, con moitos elementos do barroco de placas; decoración moi abundante nos seus entaboamentos e estípites. Destaca a harmoniosa arquitectura que se logrou no conxunto do sagrario co expositor. Son do século XVIII e dunha calidade moi superior ó común nas igrexas rurais.
No lugar do Orxal hai unha casa señorial do século XVII, da que se conserva a capela, rodeada dunha extensa finca agrícola. Este pazo pertenceu á familia Llamas, da que ainda existe o escudo entre os restos do pazo.
Frente á capela do pazo hai un cruceiro de pedra granito asentado sobre unha base de tres chanzos, con pé piramidal, vara de 2,20 m de altura, que é de sección cadrada con arestas matadas. O capital é de cesta con querubíns en cada unha das súas caras. A cruz florenzada posúe as imaxes do crucificado e da Virxe Dolorosa.