As películas proxectadas no “Cine Arzúa” da Empresa Fuentes nos anos 1955 e 1956

Según lemos no libro de Armando Cascón “Arzúa na memoria, espello histórico dunha terra” (Deputación da Coruña, 2005, ISBN 84-9812-018-7) José Fuentes Colmeiro inaugurou o Cine Arzúa o 19 de marzo de 1954 coa proxección da película “El Judas”. O operario era Alfonso Vázquez e o proxector xa estaba adaptado ao sistema Cinemascope.

Imaxe da porta do cine publicada en Arzúa na memoria, páxina 148

Grazas a que Juan do Serrano (Juan Rodríguez Cascón) gardaba as entradas cando ia o cine, aos seus 21 anos, anotando polo reverso a data, a película que botaban e algún detalle máis (NO-DO que se emitía, festas que se celebraban…) contamos hoxe cunha lista de 65 películas proxectadas no “Cine Arzúa”, da “Empresa Fuentes”, situado na Avenida de Lugo 17, xunto coa “Cafetería Cuki”.

Cabe destacar que, o reverso da entrada para ver “El hombre en las tinieblas”, temos unha evidencia da primeira etapa da Festa dos Botes.

O 16 de outubro de 1955 celebrouse a moi arzuá Festa dos Botes, según anotou Juan

Aquí vai a lista de 65 das películas que se viron en Arzúa naqueles tempos. Grazas a súa filla Belén por compartila con arzua.net.

  • 29/05/1955, Lola la piconera, 11:00
  • 02/06/1955, Sucedió en la 5ª avenida, 10:30
  • 05/06/1955, Dos tipos de cuidado, 8:30
  • 08/06/1955, La hermana San sulpicio, 6:30
  • 10/06/1955, Gloria Mairena, 11:00, Festas Corpus
  • 16/06/1955, Mil ojos tiene la noche, 10:30
  • 19/06/1955, El alcalde de Zalamea, 8:30
  • 22/06/1955, El bombero atómico, 16:00
  • 29/06/1955, Mentira latente, 11:00
  • 26/06/1955, Diez Valientes, 8:30, San Payo
  • 03/07/1955, De mujer a mujer, 11:00
  • 08/07/1955, Amor maldito, 11:00
  • 10/07/1955, Don Juan, 11:00
  • 12/07/1955, No basta ser charro, 11:00, Pro Festas do Carme
  • 18/07/1955, Los ojos dejan huellas, 8:30, Festa do Carme
Os arzuáns que foron ao cine viron “Los ojos dejan huellas” no Carme de 1955
  • 22/07/1955, Fuego en la sangre, 11:00
  • 24/07/1955, Bienvenido Mister Marshall, 8:30
  • 02/07/1955, Cita a las 11, 11:00, estropeouse a máquina o domingo
  • 08/08/1955, Los hijos de nadie, 11:00, non houbo luz o domingo
  • 14/07/1955, El padre de la novia, 8:30
  • 21/08/1955, El padre es abuelo, 8:30
  • 28/08/1955, Spartaco, 8:30
  • 04/09/1955, La isla del tesoro, 11:30, No-do 634 A
Dous fotogramas do No-Do emitido en Arzúa o 04/09/1955
  • 08/09/1955, Tarzán y la cazadora, 11:00
  • 18/09/1955, Él y su enemiga, 8:30, No-Do 636 A
  • 25/09/1955, El pescador de coplas, 11:00, No-do 637 A
  • 02/10/1955, Corea hora 0, 8:30, No-do 633 A
  • 08/10/1955, Androcles y el león, 11:10, Fonte Santa
  • 16/10/1955, El hombre en las tinieblas, 8:30, Festa dos botes, nodo 640 A
  • 23/10/1955, El hijo de Robin de los bosques, 11:00, No-do 641 A
  • 28/10/1955, Buenos días señor elefante, 10:30
  • 01/11/1955, Faldas a Bordo, 7:00, No-do 642
  • 06/09/1955, Drama en presidio, 7:00, No-do 643-A
  • 08/11/1955, Los sobrinos del zorro, 6:00, No-do 643-A
  • 13/11/1955, Esposa último modelo, 11:00, No-do 644
  • 20/11/1955, Marihuana, 10:00, No-do 465
  • 22/11/1955, La ilusión rota, 10:00
  • 24/09/1955, Asi es Madrid, 7:00, Nodo 641-A
  • 04/12/1955, Huyendo de sí mismo, 10:00
  • 08/12/1955, Casado y con dos suegras, 10:00
  • 11/12/1955, Cantar y no llorar, 7:00, Nodo 648-A
  • 18/12/1955, La leyenda de Genoveva, 7:00, Nodo 649-A
“La leyenda de Genoveva”, proxectada co No-Do 649-A o 18/12/1955
  • 25/12/1955, Mister Dening Asesino, 10:00, Nodo 650-A
  • 01/01/1956, Reclutas, 7:00, Nodo 651-A
  • 06/01/1956, Vuelven de la guerra, 7:00, Nodo 652-A
  • 08/01/1956, Garú – Garú, 10:00, Nodo 652-A
  • 15/01/1956, Carrusel napolitano, 7:00, Nodo 653-A
  • 22/01/1956, Aeropuerto, 10:00, Nodo 654-A
  • 29/01/1956, La pareja invisible, 10:00, Nodo 655-A
  • 02/02/1956, El diamante del Maharaja, 10:00 Candeas
  • 05/02/1956, Aventuras del Barbero de Sevilla, 10:00, Nodo 656-A
  • 08/02/1956, Una noche en el tabarín, 10:00
  • 12/02/1956, Los últimos días de Pompeya, 7:00, Antroido Nodo 657 -A
  • 14/02/1956, Especialista en señoras, 10:00, Nodo 657-A
  • 19/02/1956, Gitana tenias que ser, 7:00, Nodo 658-A
  • 22/02/1956, La estocada de Lagardere, 10:00, Modo 658-A
  • 26/02/1956, Reportaje, 10:15, Nodo 659
  • 01/03/1956, Ua mujer sin cabeza, 10:00
  • 04/03/1956, Un día perdido, 8:00
  • 08/03/1956, Ana, 10:00, Nodo 661-A
  • 11/03/1956, La carabela de la ilusión, 10:30
  • 18/03/1956, La señora de Fátima, 8:00
  • 22/03/1956, Gran hotel (Cantinflas), 4:00
  • 29/05/1960, La ronda del diamante, 11:00, Nodo 881-B
  • 19/05/1960, Más allá del sacrificio, 11:00

Fernando Calderón Collantes, deputado por Arzúa, marqués e ministro de xustiza

No número 32 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo Terra de Melide (2019) pubicouse o artigo “Deputados a Cortes polo Distrito de Arzúa (1846-1923)”, obra de Armando F. Cascón Rodríguez e Fernando Suárez Golán. Un deses deputados foi don Fernando Calderón Collantes, elexido polo distrito de Arzúa en abril de 1872, con 6.729 dos 6.732 emitidos. Esto é o que di o artigo:

A división do Partido Progresista provocou a convocatoria das segundas eleccións celebradas durante o breve reinado de Amadeo I, o 3 de abril de 1872, que gañaron os conservadores, en coalición cos progresistas liderados por Práxedes Mateo Sagasta. Polo Distrito de Arzúa resultou elixido Fernando Calderón Collantes, a quen o rei Alfonso XII había de concederlle o título de Marqués de Reinosa, vila onde nacera o 21 de febreiro de 1811. Pese a non ser galego de nacemento, a súa formación política realizouna toda ela en Galicia, á que representou en numerosas ocasións, xa que o seu pai, Manuel Santiago Calderón, deputado durante o Trienio Liberal, pasou a vivir na cidade da Coruña ao rematar a súa breve e fracasada experiencia política.

Fernando Calderón foi elixido deputado por algunha das circunscricións ou distritos electorais da provincia da Coruña, segundo a lei electoral vixente, de xeito case ininterrompido dende 1843 ata 1871, ano no que pasou ao Senado. En 1872 regresou ao Congreso dos Deputados, representando ao Distrito de Arzúa durante a segunda lexislatura. Dende 1870 identificábase co Partido Conservador, se ben inicialmente militara no Partido Moderado e dende 1858 pertencera á Unión Liberal de O’Donnell, quen o nomeou por primeira vez Ministro de Gracia e Xustiza en 1865. Máis tarde, xa durante a Restauración e militando no Partido Conservador de Cánovas del Castillo, volvería a ser ministro de Gracia e Xustiza en 1875, ministro de Estado entre 1875 e 1877 e, de novo, de Gracia e Xustiza entre 1877 e 1879.

Antes do seu paso á alta política, o perfil desenvolto por Fernando Calderón en Galicia foi, en certo modo, tanxencialmente oposto ao de Benito Sánchez Freire, quen o precedeu inmediatamente na representación do Distrito de Arzúa no Congreso dos Deputados. Fronte á fidelidade carlista de Sánchez Freire, Calderón Collantes caracterizouse por un liberalismo consecuente que se materializou, de feito, na persecución das partidas carlistas como xefe da Milicia Nacional de Ribadeo e, logo do seu nomeamento en 1838, como xuíz de Vigo.

O deputado polo distrito de Arzúa Benito Sánchez Freire

Nas eleccións do 8 de marzo de 1871 no distrito de Arzúa había 7.712 persoas con dereito a voto (sufraxio universal masculino). Votaron 5.782 electores (o 75% do censo) dos cales 5.780 (o 99,96%) elixiron a Benito Sánchez Freire. Foi deputado ata o 24 de xaneiro de 1872.

O número 32 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo Terra de Melide, publicado en 2019 inclúe o artigo “Deputados a Cortes polo Distrito de Arzúa (1846-1923)”, firmado por Armando F. Cascón Rodríguez e Fernando Suárez Golán. A continuación reproducimos o apartado de dito artigo adicado a Benito Sánchez Freire:

As eleccións xerais de 1871 foron as primeiras do breve reinado de Amadeo I, unha vez aprobada a Constitución de 1869. Celebradas o 8 de marzo baixo sufraxio universal, deron lugar a un congreso dominado pola Coalición Progresista-Liberal, se ben entre a oposición destacaban os deputados republicanos federalistas e os englobados na Comunión Católico-Monárquica liderada por Cándido Nocedal. Precisamente nesta última se integraba o deputado do Distrito de Arzúa, Benito Sánchez Freire. Fillo primoxénito dos señores do pazo de Golmar, na freguesía de San Andrés de Roade, do concello de Sobrado dos Monxes, nacera o 4 de maio de 1821 e casara con Elisa Varela, herdeira do pazo de Furelos, en Melide. A súa familia estaba emparentada co cóengo ilustrado Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, e, sobre todo, era próxima á causa do carlismo que, como ten demostrado Xosé Ramón Barreiro, enraizou especialmente no triángulo formado por Sobrado, Melide e Arzúa, precisamente porque aquí era apoiado polas clase dirixentes, curas e fidalgos como Benito Sánchez Freire.

En calquera caso, a experiencia política de Sánchez Freire, como en xeral dos seus compañeiros carlistas, foi inútil, de maneira que nin participou nas sesións nin se volveu presentar, pois xa dende 1872 o carlismo optou por cambiar de estratexia e iniciar a loita armada.

O académico de Burres que da nome a unha rúa en Chantada

Manuel Formoso Lamas é un dos arzuáns senlleiros que recopilou Armando Cascón Rodríguez na súa obra Arzúa na memoria: espello histórico dunha terra. A él, adícalle este texto:

Naceu na parroquia de Burres. Estudou en Mondoñedo e, posteriormente, conseguíu o título de profesor de Escola Normal. Exerceu como mestre nacional, primeiro en Pontedeume e máis tarde en Chantada e Albacete. formoso Lamas foi Cabaleiro da Real e Distinguida Orde de Isabel a Católica. Publicou, entre outros, os seguintes libros: Sistema métrico teórico práctico decimal, e apuntes para a Historia de Chantada. Para o primeiro dos libros citados, gravou nunha táboa de buxo as figuras de pesas e medidas. O Concello de Chantada dedicoulle unha rúa en recoñecemento á segunda das obras citadas. Formoso Lamas foi membro correspondente da Real Academia Galega dende o ano 1905. Faleceu en Almansa.

| Un século de ausencia de Manuel Formoso Lamas, artigo de Roi Fernández e Francisco albo publicado no xornal La Voz de Galicia o 18 de xuño de 2013
|Artigos de Manuel Formoso Lamas na hemeroteca da Real Academia Galega

O deputado a cortes por Arzúa, Jacobo Andrés García

O 10 de maio de 1851 houbo eleccións a Cortes, e en Arzúa enfrentaronse Jacobo Andrés García e José Joaquín Barreiro Ferro (deputado do distrito dende 1846). Rexía daquela un sistema de sufraxio censitario, polo que unicamente podían votar 239 persoas en todo o distrito. Acudiron a votar 178, dos cales 134 votaron a Jacobo Andrés García, que foi deputado ata que perdeu o 4 de febreiro de 1853 contra José Joaquín Barreiro. No número 32 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo Terra de Melide, publicouse o artigo “Deputados a Cortes polo Distrito de Arzúa (1846-1923), obra de Armando F. Cascón Rodríguez e Fernando Suárez Golán, e no apartado adicado o deputado que nos ocupa hoxe pódese ler:

En xaneiro de 1851 formouse o gabinete presidido por Bravo Murillo, que se propoñía deixar a un lado a política para centrarse na legalidade e a economía. Sen embargo, a oposición que atopou no Congreso obrigouno a disolver as Cortes e convocar eleccións para o 10 de maio, nas que os progresistas decidiron tomar parte activa. Polo Distrito de Arzúa resultou elixido Jacobo de Andrés García, avogado compostelán, quen interrompía así, de xeito momentáneo, a carreira política de José Joaquín Barreiro, quen fora elixido nas dúas contendas anteriores e que volvería de novo ao Congreso en 1853, como queda dito.

Jacobo de Andrés era doutor en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e, segundo Barreiro Fernández, na propaganda electoral apareceu como catedrático desta mesma universidade, se ben probablemente o fose da de Madrid, cidade na que residía dende 1829. A de 1851 foi a súa primeira lexislatura no Congreso, no cal apenas tivo participación algunha. Repetiría en 1857, xa polo Distrito de Carballo.

Praza de Galiza e Rua Neira Vilas polos anos 50

Polo palco na praza da vila sabemos que esta imaxe é anterior o ano 1965, podería ser da décado dos anos 50. O edificio que actualmente ocupa a esquina de Rúa de Lugo con Rua Ramón Franco ainda non estaba construído.

Superposición co aspecto que ten actualmente

|Montaxe da foto antiga sobre a actualidade por Uxío Vaamonde

|Foto antiga obtida do facebook de Armando Rodríguez Cascón

Ricardo Cob, xefe de telégrafos de Arzúa represaliado no 1936

Ricardo Cob Laguardia chegou en marzo de 1928 a Arzúa, para poñerse ao frente dunha estación telegráfica que levaba tempo clausurada, tal e como recolleu o xornal “El Ideal Gallego” do 29 de marzo dese ano:

Arzúa foi o seu primeiro destino logo de aprobar as oposicións, e unha vez na vila fixo de dinamizador cultural, promovendo representacións teatrais, veladas e outras actividades. Xa unhos anos antes de chegar a Arzúa, estando en Carballo, representou o monólogo “Un cuento inmoral” (El Correo de Galicia, de 25 de marzo de 1923, páxina 7). Un exemplo da súa actividade no teatro, xa na nosa vila, atopámolo neste recorte de prensa de “La Voz de Galicia” de 24 de xaneiro de 1936.

A militancia comunista de Ricardo Cob era publicamente coñecida, así que, como represalia, as novas autoridades fascistas trasladárono a Castro Caldelas o 21 de agosto de 1936 (número 120 do Boletín Oficial de Provincia de León). Foi acusado de tratar de dificultar dende o seu posto de traballo a difusión das consignas militares e das transmisións telegráficas emitidas polos rebeldes. Logo de Castro Caldelas foi trasladado a Maceda onde finou aos 65 anos.

|Ficha de Ricardo Cob en nomes e voces

|Bibliografía consultada:
|Arzúa na memoria. Espello histórico dunha terra, de Armando F. Cascón Rodríguez, ISBN 8498120187, páxina 62
|Unha nova ollada a represión franquista en Galicia: motivación e extracción social dos represores. O caso de Arzúa, de Daniel Lanero Taboas, SEMATA, Ciencias Sociais e Humanidades, ISSN 1137-9669, 2007, vol. 19, páxina 237

José Joaquín Barreiro Ferro, primeiro deputado por Arzúa

Na segunda metade do século XIX e a principios do XX, o Distrito de Arzúa estivo representado no Congreso dos Deputados. No mes de nadal do ano 2019 publicouse o número 32 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo Terra de Melide, que contiña o artigo “Deputados a Cortes polo Distrito de Arzúa (1846-1923), obra de Armando F. Cascón Rodríguez e Fernando Suárez Golán. A continuación reproducimos o apartado adicado dentro do mencionado artigo a don José Joaquín Barreiro Ferro, o primeiro en representar nas Cortes ás terras de Arzúa.

As eleccións do 6 de decembro de 1846 foron as primeiras nas que se aplicou a elección de deputados por distritos uninominais. Emporiso, a lei electoral de 1846 configuraba tamén un verdadeiro réxime oligárquico ao establecer un sufraxio censitario moi restrinxido que limitaba o corpo electoral a 97.000 varóns, por suposto, maiores de 25 anos, o que supoñía tan só o 0,8 por cento do total da poboación española. Deste xeito, o distrito electoral de Arzúa, formado polos partidos xudiciais de Ordes e Arzúa, non sumaba máis que 243 electores, dos que votaron 173, é dicir, o 71 por cento do censo; todos eles optaron pola candidatura de José Joaquín Barreiro Ferro.

José Joaquín Barreiro naceu, segundo os nosos datos, o 24 de xuño de 1818 no pazo de Vieite, en Boimorto, se ben outros autores o fan nacer en Santiago en 1814. Procedía polos dous costados da fidalguía rural galega. Polo pai, Fernando María Barreiro Moscoso, proviña da casa dos Barreiro de Arca, O Pino; pola súa nai, Juana Ferro Baleato, entroncaba coa Casa Grande de Castrofeito. Estaba, por conseguinte, moi vencellado ao Distrito de Arzúa polo que foi elixido deputado nas eleccións de en 1846, 1848 (parcial), 1850, 1853, 1857, 1858 (xerais e parciais), 1863 e 1864. Sempre obtivo a totalidade dos sufraxios emitidos, excepto en 1853 e 1864 cando lle faltaron un e dous votos, respectivamente.

Casou dúas veces, a primeira delas con María Luisa Taboada, filla dos Señores de Tor, o que consolidou a súa posición entre a fidalguía e a aristocracia galega. En segundas nupcias casou con Alejandra de la Riva, o que posibilitou a súa aproximación á alta burocracia compostelá. A boa posición dentro da sociedade galega e as redes familiares tecidas nos seus dous matrimonios seguramente contribuíran á súa primeira elección como deputado a Cortes cando só contaba con arredor de trinta anos. Así e todo, a pesares da á súa xuventude, Barreiro Ferro formou parte da liña máis conservadora da política dende un primeiro momento, o que manifestou fundamentalmente a través do voto, pois as súas intervencións na vida parlamentaria do largo período durante o que foi deputado foron practicamente inexistentes. Na súa primeira lexislatura, entre 1846 e 1850, cunhas eleccións parciais polo medio en 1848, formou parte de dúas comisións de etiqueta, pero non falou en ningunha sesión. Consta, en cambio, que estivo ausente en numerosas ocasións. Saíu elixido de novo para a lexislatura de 1850 a 1851, pero tampouco participou nas sesións; pola contra, participou en tres comisións, aínda que de escasa relevancia: na creada para recibir e despedir á raíña Isabel II na sesión de apertura das Cortes, na comisión de peticións e na formada para a reelección de Baltasar Anduaga. Cos seus votos, en cambio, apoiou durante estas dúas lexislaturas todas as mocións presentadas polos conservadores que significaban a defensa da unidade católica e do Romano Pontífice, defendendo en particular a expedición a Italia en 1849 en apoio do papa Pío IX.

Nas eleccións de 1851 foi derrotado por Jacobo de Andrés, pero volveu ser elixido en 1853 nunhas eleccións cun número de electores aínda máis restrinxido e nas que recibiu 65 dos 66 sufraxios emitidos. Así e todo, a súa acta foi declarada grave e non chegou a ser aprobada antes de rematada a lexislatura. As eleccións de 1854 realizáronse por circunscricións provinciais, polo que Barreiro Ferro estivo ausente das Cortes ata 1857. Entón recuperou a acta polo Distrito de Arzúa, nas eleccións do 25 de marzo, coa totalidade dos sufraxios emitidos ao seu favor. O 27 de marzo renunciou ao cargo, pode que por enfermidade, xa que consta que o estivo, ou ben por incompatibilidade co posto de xerente do Banco da Coruña. Non obstante, un mes despois, foi reelixido na elección parcial do 25 de abril de 1858, e de novo nas xerais do 11 de outubro do mesmo ano. Nesta última lexislatura formou parte dunha comisión que debía informar sobre certas pensións de viuvez e, na lexislatura de 1861-1862, da comisión de contestación á Coroa, que aínda que era importante só funcionaba a comezos de lexislatura, e tamén na que debía informar sobre certas pensións de viuvez. Volveu a ser reelixido en 1863 e mantívose como deputado nesa lexislatura e na seguinte de 1864, tempo no que formou parte da comisión que debía tratar sobre a prórroga para o remate do ferrocarril a Santiago de Compostela ao porto de Carril. Foi esta á única das comisións nas que participou que tivo certa relevancia e unha relación directa con Galicia; así e todo, é seguro que fóra das Cortes exerceu con habilidade a función tutelar dos veciños do seu distrito, o que explicaría porqué o mantiveron durante un período tan dilatado, e con escasas interrupcións, non só como o seu representante no Congreso senon tamén como deputado provincial, que o foi entre 1844 e 1847 e de novo dende 1856 ata 1863. De feito, en outubro deste último ano, publicáronse unhas Décimas celebrando a súa reeleción para o Congreso dos Deputados polo Distrito de Arzúa e gabando as súas virtudes.

A lexislatura de 1864 a 1865 foi a primeira, e tamén a única, na que interveu activamente nas sesións do Congreso: o 10 de xaneiro de 1865 preguntou ao ministro da Gobernación sobre a elección dun conselleiro supernumerario na Deputación Provincial da Coruña contraria ao artigo 53 da lei para o goberno das provincias; o 7 de febreiro volveu a tentar interpelar ao Ministro da Gobernación, pero foi privado da palabra polo presidente do Congreso; na sesión do día 10 do mesmo mes presentou as exposicións da vila de Melide, o concello de Santiso e o partido xudicial de Arzúa contra o anticipo forzoso de 600 millóns de pesetas que o ministro de Facenda propuxera ás Cortes para facer fronte á elevada débeda; por último, o 14 de febreiro preguntou, de novo ao ministro da Gobernación, polo nomeamento como alcalde e tenente de alcalde en dous concellos do Distrito de Arzúa de individuos procesados criminalmente e condenados á prisión antes das eleccións, obtendo por única resposta a dilación da mesma. Dende 1865 estivo fóra do Congreso, ata que foi reelixido en 1869 nunhas eleccións realizadas 228 en base a circunscricións provinciais, nas cales, segundo sinala X. R. Barreiro, concorría nunha candidatura católico-monárquica, formada por carlistas e neocatólicos.

Ademais da representación do Distrito de Arzúa no Congreso dos Deputados, José Joaquín Barreiro Ferro obtivo ao longo da súa vida unha chea de destinos e servizos especiais, algúns deles magnificamente remunerados: vocal do Consello Provincial da Coruña, secretario do Goberno Político da Coruña, en 1848; inspector de Correos e Postais, entre 1859 e 1854; xerente do Banco de Santiago, en 1856; comisario rexio do Banco da Coruña, en 1858; gobernador ou xefe político da provincia da Coruña, en 1865. Tamén recibiu honores e condecoracións como a Cruz da Real e Distinguida Orde Española de Carlos III en 1844, o nomeamento de secretario honorario da raíña Isabel II, e o título de comendador de número da Real Orde de Isabel a Católica, entre outras. Foi, ademais, socio fundador do Colectivo Circo de Arzúa en 1859.

Finou en Madrid o 6 de xuño de 1870.

A epidemia de cólera en Arzúa, 1884

“Tierras de Santiago” foi un semanario gratuíto que se encartaba co xornal “El Correo Gallego”. O 22 de setembro de 2009 publicou un artigo de Armando Cascón Rodríguez que hoxe reproducimos:

A epidemia de cólera en Arzúa. 1884

A epidemia do cólera apareceu no distrito arzuán no mes de xullo de 1884. Para afrontar este problema, o alcalde Ramón Eiras Camba, habilitou un presuposto extraordinario e o 24 de agosto ordeábase a limpeza da conducción de auga da rúa do Carme, a recomposición da rúa do Cano e a construcción dun sumidoiro para guiar as augas fecais da Casa Cuartel evitando así a difusión da enfermidade. Ao mesmo tempo, constituiuse unha comisión de urxencia composta por responsables da sanidade local e membros da corporación, entre os que estaban o médico Vicente Villaverde, o boticario Andrés Núñez Casal, o veterinario Angel Piñeiro e o rexedor José Costoya Quintás, co fin de facer visitas domiciliarias e previr a súa propagación. Ainda que esta epidemia non incidiu notablemente no índice de mortandade, no noso municipio sí fixo manter en vilo á sociedade arzuá até o día 1 de outubro de 1885, momento no que se acordou reiniciar a actividade docente nas escolas e se deu oficialmente por rematado o andazo. A esta situación sumábase a crise de subsistencia provocada polas escasas colleitas do ano 1883. Como recollen as hemerotecas, aquel ano en Arzúa a colleita de centeo e de millo fora case nula por motivo do mal tempo. Quenes se resistiron a unha alimentación tan irregular víronse na obriga de abandonar os seus fogares impetrando a calidade pública antes de morrer de fame.