José Fociños de Valenzuela, deputado a cortes polo distrito de Arzúa en 1872

En decembro do 2019 publicouse o artigo “Deputados a Cortes polo Distrito de Arzúa (1846-1923) no número 32 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo Terra de Melide . Os autores foron Armando F. Cascón Rodríguez e Fernando Suárez Golán. Un destes deputados foi José Fociños de Valenzuela, elexido o 24 de agosto de 1872 con 3.921 votos de 5.619 emitidos (sobre 8.549 electores). O que di o artigo deste deputado é o seguinte:

A inestabilidade do reinado de Amadeo I levou á convocatoria de novas eleccións, as terceiras no prazo de pouco máis dun ano, que se celebraron en agosto de 1872 baixo sufraxio universal masculino. Foron elixidos 391 deputados ao Congreso, máis os de Cuba e Puertorico, a maioría ligados ao Partido Radical de Manuel Ruiz Zorrilla. Polo Distrito de Arzúa resultou elixido, co 58 por cento dos votos emitidos, José Fociños de Valenzuela, do que pouco ou nada sabemos. Segundo Barreiro Fernández probablemente fose natural de Lalín e repetiu como deputado polo Distrito de Arzúa na seguinte lexislatura, 1873-1874. Sen embargo, de acordo coa Serie de Documentación Electoral do Arquivo Histórico do Congreso, José Fociños só foi deputado entre o 21 de setembro de 1872 e o 22 de marzo de 1873. Nas eleccións a Cortes Constituíntes de maio de 1873 sería elixido polo Distrito de Arzúa Mariano Rojas López.

Era militar de carreira, xa que no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, do 19 de xaneiro de 1863 firma un anuncio como Teniente Coronel Comandante do batallón provincial de Monterrei e na “Guía de forasteros en Madrid para el año de 1864” aparece como Teniente Coronel graduado.

No artigo de 2019 “Os Zárate do Marquesado de Montesacro” escrito por Carlos de la Peña e publicado en Estudios de Genealogía, Heráldica y Nobiliaria de Galicia, nº 15 (páxinas 215-247) podemos atopar algo máis de información sobre este deputado:

D. Ulrico era fillo de D. José Cayetano Gabriel María Fociños de Valenzuela, cabaleiro de S. Fernando e S. Ermenxildo, tenente coronel de Infantaría, nacido e bautizado en S. Tirso de Manduas (Silleda) o 24.5.1815, (viúvo de Dª. María del Carmen Mateu de Roda de Godoy, coa que casara en S. Bartolomé de Pontevedra o 8.4.1843 e da que enviuvara en Pamplona no 8.6.1846), casado en segundas nupcias na parroquia castrense de Almería o 23.12.1851 e velado na súa catedral o 14.2.1852 con Dª. María de la Encarnación Eduvigis Bordalonga y Ros .

Unha resposta a “José Fociños de Valenzuela, deputado a cortes polo distrito de Arzúa en 1872”

Deixa unha resposta